As organizacións sociais galegas tecen a súa rede

O I Encontro Social Galego aborda a crise sistémica e aspectos relacionados coas alternativas e cunha maior coordinación da sociedade civil

Teo, 5 de novembro. O Encontro Social Galego celebrou o pasado sábado unha intensa xornada de debates, procurando afondar no ideario e obxectivos que unen as distintas organizacións e movementos sociais e buscando tecer redes para a súa coordinación, comunicación e traballo conxunto. Nun contexto marcado pola irrupción e forza de novos colectivos de contestación e proposta de alternativas -principalmente o 15M-, e tamén pola crecente presión dos discursos e prácticas políticas neoliberais, os movementos sociais galegos, diversos e estendidos xeograficamente, atópanse faltos das necesarias redes de colaboración e acción cooperativa, sobre todo pola falta de actividade do Foro Social Galego. Os foros sociais de Ferrolterra (celebrado o mes pasado), e de Lemos (que terá lugar o 26 de novembro) e o propio Encontro Social Galego son a resposta dos colectivos sociais do país a esta necesidade. O Encontro Social Galego celebrou este sábado, logo, o seu acto dentro da campaña electoral, fóra dos partidos, mirando máis aló do 20N.

A primeira xuntanza do Encontro Social Galego, que tivo lugar nos Tilos (Teo) contou coa participación de máis de medio centenar de persoas de 27 colectivos: 15-M A Coruña, 15-M A Mariña, 15-M Monforte, 15-M Ourense, 15-M Pontevedra, Ais O Peto, Amarante Setem, Artábria 21, Asociación Cultural Fuco Buxan, ATTAC XEG – Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Coop 57, Democracia Real Xa, Estado do Malestar, Foro Galego de Inmigración, Iniciativa BenComún, Mesas de Converxencia, Nova Escola Galega, Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Rede de Dereitos Sociais, Rede Feminista Galega, Revolta Natural, Seminario Galego de Educación para a Paz, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Zocamiñoca Consumo Consciente.

Os debates trataron, ao longo de oito horas e de forma sucesiva, cinco grandes eixos temáticos: participación cidadá e rexeneración democrática; economía, facenda e cidadanía; dereitos económicos e sociais; comunicación e cultura e, finalmente, accións, proxectos e mecanismos de coordinación. Con respecto a esta última cuestión, decidiuse que os colectivos sociais establecerán mecanismos de coordinación e de comunicación conxunta (a través da páxina https://facendoredes.wordpress.com/) e convocouse unha nova xuntanza para o sábado 11 de febreiro do ano vindeiro. O obxectivo é que nese momento se analice o novo contexto político e social saído das eleccións do 20N e se aprobe unha proposta de organización e accións para o Encontro Social Galego.

Beiras: “A esquerda debe renovar o seu discurso, construíndo sobre o xa construído”

A xornada de debates pechouse cunha mesa redonda sobre cidadanía e participación, na que interviron Xosé Manuel Beiras, Mariló Candedo (Nova Escola Galega) e David Rodríguez (Iniciativa BenComún). A conversa xirou ao redor da configuración da esquerda e da renovación do seu discurso no contexto actual, no que os tres participantes apostaron por unha coordinación entre as persoas mobilizadas ao redor do movemento 15M e os colectivos e organizacións sociais preexistentes. A este respecto, David Rodríguez salientou a importancia do 15M, na súa capacidade para activar milleiros de persoas que antes non contaban cun espazo de acción e debate, e advertiu que este movemento “ten que ser consciente da importancia da loita polo poder”. Pola súa banda, Mariló Candedo afirmou que este é o momento de “reiniciar o traballo colaborativo” e apostou por unha renovación do ideario e do repertorio de acción da esquerda , que “debe deixar de estar á defensiva”, protexendo as conquistas sociais fronte aos ataques no neoliberalismo para pasar a ofrecer unha proposta alternativa.

Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras analizou a situación actual coma “un fin de ciclo” a moitos niveis, tanto na estrutura e fluxos da economía mundial, coma no proceso de construción europea, xa esgotado, coma no modelo político da Transición española, tamén concluído. Neste escenario -afirmou Beiras- “a indignación debe dar paso á rebelión e esta á revolución, con novas formas”. Para Beiras, os eixos da esquerda hoxendía son a rebelión cívica, o altermundismo, o anticapitalismo, sinalando que cómpre “construír sobre o xa construído” e renovar o seu ideario, “comezando polos hábitos de consumo individuais”. Sobre este contexto, “a sociedade civil debe producir dinámicas que teñan repercusións na sociedade política”, procurando a hexemonía. Para Beiras, “os foros sociais, tamén o galego, tiveron dificultades para superar os límites dos propios colectivos e penetrar na sociedade”. Beiras rematou a súa intervención agoirando “unha explosión social en Europa nos vindeiros dous anos”, pois “a revolucion é unha toupa, nunca sabes por onde vai saír. Antes do 15M ninguén podía prever algo así”.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

5 Responses to As organizacións sociais galegas tecen a súa rede

  1. Por favor, cambiade o noso nome no listado. Seminario Galego de Educación para a Paz, non pola. Grazas.

  2. Parabéns polo traballo. Xa custa colleitar, pero se non se sementa non se recolle nada.

  3. Daniel Errecé di:

    Adiante! Cómpre concentración parcelaria, o minifundio afúndenos.

  4. Ola, é para dicirvos que nós tamén estivemos no encontro de Teo, e non vexo que nos teñades incluídos. Asociación Cultural Fuco Buxán, http://fucobuxan.com
    email: fucobuxan@yahoo.es

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s