Así foi o I ENCONTRO SOCIAL GALEGO

Na primeira edición do Encontro Social Galego, celebrada o sábado en Teo, participaron unhas 50 persoas pertencentes ao amplo e plural abano de colectivos que -en número de vinte e sete- se sumaron á convocatoria.

Todos os debates foron realizados en plenario e desenvolvéronse nun clima de concordia, coincidencia e vontade de profundizar no proceso de construción dun espazo de diálogo e acción en común encetado na xornada de onte.

O encontro dedicouse a establecer un diagnóstico común e a comezar a deseñar propostas, mais sen aprobar conclusións, xa que se decidiu que ese paso debe darse á medida que o proceso do Encontro Social Galego se consolide. No final, celebrouse unha mesa-redonda coa participación de 3 ponentes (Xosé Manuel Beiras, Mariló Candedó e David Rodríguez) que realizaron unhas intervencións brillantes que levantaron o aplauso unánime do auditorio.

A seguir, trasládase o resumo dos principais aspectos abordados en cada un dos eixos temáticos que compuxeron a axenda.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ E REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA

  1. Elaborar un programa común como necesidade para sustentar a unidade de acción.
  2. Consolidar novos modos de intervención social.
  3. Buscar o punto de unión entre a cidadanía, por un lado; e partidos e sindicatos, polo outro.
  4. Democratizar e transformar as organizacións existentes.
  5. Fortalecer a lóxica da cooperación, da construción de alternativas e da vertebración social.
  6. Frear a desdemocratización social, económica e institucional, co ollar posto no medio e longo prazo.
  7. Romper a lóxica do sistema mediante instrumentos e accións non institucionalizadas.
  8. Afianzar a nosa confianza nas propostas alternativas nas que intervimos.
  9. Esixir os nosos dereitos sociais, pero tamén asumir compromisos polo cambio.
  10. Promover a responsabilidade social a través do consumo consciente.
  11. Converter a indignación nunha forza de transformación social.
  12. Dar solucións desde a sociedade, incidindo na defensa do público, non necesariamente vinculado ao estatal.
  13. Crear redes de colaboración, con énfase no ámbito local.
  14. Reparar a brecha xeracional existente en moitos colectivos sociais.
  15. Superar a lóxica partidaria de organización e de competición.
  16. Planificar e executar accións concretas.
  17. Preparar un ideario para buscar o compromiso dos partidos de cara ao 20-N.
  18. Impulsar a democracia participativa e a transparencia nas relación dos poderes públicos coa cidadanía.

ECONOMÍA, FACENDA E CIDADANÍA

  1. Política fiscal progresiva, simplificada e descentralizada, ben como o combate decidido contra a fraude fiscal.
  2. Regulación dos mercados.
  3. Recuperación da banca pública e reforzo da economía solidaria: cooperativismo, banca ética, cooperativas de consumo…
  4. Pedagoxía fiscal: identificar a recadación de impostos coa finalidade social á cal se destinan.
  5. Consolidación dos bens públicos como bens comúns.
  6. Esixencia de que ao menos a maioría do capital sexa público nos bens comúns esenciais.
  7. Revisión das prioridades no gasto público, evitando despilfarros e privilexiando os servizos esenciais e os investimentos produtivos..
  8. Democratización da economía como condición para democratizar a esfera política.
  9. Aposta pola localización da produción e do consumo.
  10. Socialización dos debates sobre o reparto do traballo e a renda social básica.
  11. Solucións globalizadas en asuntos como o control efectivo á banca, á corrupción, aos paraísos fiscais…
  12. Reforzo do papel da educación na formación dunha cidadanía consciente e participativa.
  13. Combate á deslocalización dos dereitos económicos, laborais, sociais e políticos.
  14. Implantación das fórmulas de goberno aberto, tamén no referente á economía e ao gasto orzamentario das Administracións públicas.
  15. Abolición dos privilexios económicos e fiscais da Igrexa católica.

DEREITOS ECONÓMICOS E SOCIAIS

  1. Os recortes sanitarios provocan un aumento de problemas vinculados á saúde.
  2. O envellecemento e a dispersión xeográfica agravan os problemas ligados á saúde e crean un novo sector de excluídos: o da terceira idade, sobre todo a residente no rural.
  3. Alerta sobre a trampa matemática dos recortes en gastos sociais: redución masiva en termos absolutos mascarados baixo o mantemento do esforzo orzamentario en termos porcentuais.
  4. Defensa do público sen transmitir corporativismo.
  5. Rexeneración da esquerda desde a unidade de acción.
  6. Concepción dos servizos públicos como salario indirecto.
  7. Reversión da transferencia de renda desde as clases traballadoras cara ao sistema financiero de base especulativa.
  8. Non permitir nin alimentar o enfrontamento entre os traballadores.
  9. Identificación correcta do inimigo, cuxo miolo son as grandes corporacións.
  10. Elaboración dunha batería de argumentos para demostrar a viabilidade das nosas propostas e a falsidade de que non existan alternativas.
  11. Reforma da lexislación básica para blindar os dereitos sociais.
  12. Aumento inmediato da taxa de reposición (actualmente, de só un 10%) en sanidade e educación, evitando calquera redución na prestación deses servizos.
  13. Saúde, educación, recursos naturias e enerxía como a nova carnaza das corporacións que até agora se dedicaban á produción de bens de consumo.
  14. O goberno da dereita a nivel estatal como oportunidade de reactivación social.
  15. Ámbito internacional de actuación na regulamentación e universalización de dereitos laborais, do combate á fraude…
  16. Novo modelo de Estado do Benestar para un mundo globalizado e con dereitos universais.
  17. Debate sobre o 20-N e a importancia da participación mediante o voto.

COMUNICACIÓN E CULTURA

  1. Necesidade de reforzamento mutuo entre a sociedade civil crítica e os medios cunha axenda alternativa á das grandes corporacións mediáticas.
  2. Defensa da neutralidade da rede.
  3. Libre acceso á información e ao coñecemento.
  4. Promoción a nivel local a existencia de medios de expresión impresos dos diferentes colectivos, de xeito coordinado.
  5. Elaboración dunha estratexia de comunicación da sociedade civil, para influír sobre todo nos medios públicos.
  6. Regulamentación desde o poder público dos medios privados.
  7. Separación do poder mediático a respecto do económico.
  8. Necesidade por parte dos movementos sociais de producir comunicación, pero tamén diálogo: escoitar e coñecer outras realidades.
  9. Necesidade do traballo de calidade dos xornalistas, da defensa do pluralismo, da liberdade de expresión e do acceso a unha información veraz.

ACCIÓNS, PROXECTOS E MECANISMOS DE COORDINACIÓN

  1. Creación de espazos comúns entre as ONGs e o 15-M.
  2. As actividades e a metodoloxía de actuación deben tender a ser o máis concretas posible.
  3. Compatibilización da autonomía dos colectivos coa unidade de acción.
  4. Relato das experiencias de confluencia dos diferentes colectivos do 15-M en Vigo e na Coruña.
  5. Confección dun proxecto común articulador que lle dea sentido a un órgao conxunto de coordinación a ser creado futuramente.
  6. A coordinación debe comezar a nivel local para chegar ao nivel galego.
  7. Colaboración co Foro Social Galego na construción dun novo altermundismo.
  8. Compromiso de espallar a iniciativa do ESG.
  9. Convocar un II Encontro Social Galego, a ser celebrado o sábado, día 11 de febrero de 2012.
  10. A organización do novo encontro debe procurar que os debates previos á xornada presencial sexan o suficientemente enriquecedores como para chegar ao debate en grupo cunha maior madurez.
Advertisements
Publicado en Uncategorized | 1 comentario

As organizacións sociais galegas tecen a súa rede

O I Encontro Social Galego aborda a crise sistémica e aspectos relacionados coas alternativas e cunha maior coordinación da sociedade civil

Teo, 5 de novembro. O Encontro Social Galego celebrou o pasado sábado unha intensa xornada de debates, procurando afondar no ideario e obxectivos que unen as distintas organizacións e movementos sociais e buscando tecer redes para a súa coordinación, comunicación e traballo conxunto. Nun contexto marcado pola irrupción e forza de novos colectivos de contestación e proposta de alternativas -principalmente o 15M-, e tamén pola crecente presión dos discursos e prácticas políticas neoliberais, os movementos sociais galegos, diversos e estendidos xeograficamente, atópanse faltos das necesarias redes de colaboración e acción cooperativa, sobre todo pola falta de actividade do Foro Social Galego. Os foros sociais de Ferrolterra (celebrado o mes pasado), e de Lemos (que terá lugar o 26 de novembro) e o propio Encontro Social Galego son a resposta dos colectivos sociais do país a esta necesidade. O Encontro Social Galego celebrou este sábado, logo, o seu acto dentro da campaña electoral, fóra dos partidos, mirando máis aló do 20N.

A primeira xuntanza do Encontro Social Galego, que tivo lugar nos Tilos (Teo) contou coa participación de máis de medio centenar de persoas de 27 colectivos: 15-M A Coruña, 15-M A Mariña, 15-M Monforte, 15-M Ourense, 15-M Pontevedra, Ais O Peto, Amarante Setem, Artábria 21, Asociación Cultural Fuco Buxan, ATTAC XEG – Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Coop 57, Democracia Real Xa, Estado do Malestar, Foro Galego de Inmigración, Iniciativa BenComún, Mesas de Converxencia, Nova Escola Galega, Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Rede de Dereitos Sociais, Rede Feminista Galega, Revolta Natural, Seminario Galego de Educación para a Paz, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Zocamiñoca Consumo Consciente.

Os debates trataron, ao longo de oito horas e de forma sucesiva, cinco grandes eixos temáticos: participación cidadá e rexeneración democrática; economía, facenda e cidadanía; dereitos económicos e sociais; comunicación e cultura e, finalmente, accións, proxectos e mecanismos de coordinación. Con respecto a esta última cuestión, decidiuse que os colectivos sociais establecerán mecanismos de coordinación e de comunicación conxunta (a través da páxina https://facendoredes.wordpress.com/) e convocouse unha nova xuntanza para o sábado 11 de febreiro do ano vindeiro. O obxectivo é que nese momento se analice o novo contexto político e social saído das eleccións do 20N e se aprobe unha proposta de organización e accións para o Encontro Social Galego.

Beiras: “A esquerda debe renovar o seu discurso, construíndo sobre o xa construído”

A xornada de debates pechouse cunha mesa redonda sobre cidadanía e participación, na que interviron Xosé Manuel Beiras, Mariló Candedo (Nova Escola Galega) e David Rodríguez (Iniciativa BenComún). A conversa xirou ao redor da configuración da esquerda e da renovación do seu discurso no contexto actual, no que os tres participantes apostaron por unha coordinación entre as persoas mobilizadas ao redor do movemento 15M e os colectivos e organizacións sociais preexistentes. A este respecto, David Rodríguez salientou a importancia do 15M, na súa capacidade para activar milleiros de persoas que antes non contaban cun espazo de acción e debate, e advertiu que este movemento “ten que ser consciente da importancia da loita polo poder”. Pola súa banda, Mariló Candedo afirmou que este é o momento de “reiniciar o traballo colaborativo” e apostou por unha renovación do ideario e do repertorio de acción da esquerda , que “debe deixar de estar á defensiva”, protexendo as conquistas sociais fronte aos ataques no neoliberalismo para pasar a ofrecer unha proposta alternativa.

Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras analizou a situación actual coma “un fin de ciclo” a moitos niveis, tanto na estrutura e fluxos da economía mundial, coma no proceso de construción europea, xa esgotado, coma no modelo político da Transición española, tamén concluído. Neste escenario -afirmou Beiras- “a indignación debe dar paso á rebelión e esta á revolución, con novas formas”. Para Beiras, os eixos da esquerda hoxendía son a rebelión cívica, o altermundismo, o anticapitalismo, sinalando que cómpre “construír sobre o xa construído” e renovar o seu ideario, “comezando polos hábitos de consumo individuais”. Sobre este contexto, “a sociedade civil debe producir dinámicas que teñan repercusións na sociedade política”, procurando a hexemonía. Para Beiras, “os foros sociais, tamén o galego, tiveron dificultades para superar os límites dos propios colectivos e penetrar na sociedade”. Beiras rematou a súa intervención agoirando “unha explosión social en Europa nos vindeiros dous anos”, pois “a revolucion é unha toupa, nunca sabes por onde vai saír. Antes do 15M ninguén podía prever algo así”.

Publicado en Uncategorized | 5 Comentarios

28 colectivos súmanse ao I ENCONTRO SOCIAL GALEGO

Nas últimas  horas, 12 novos colectivos confirmaron o seu apoio ao I ENCONTRO SOCIAL GALEGO, sumándose ao chamamento plural para a convocatoria e comprometendo a súa participación. Está é a lista actualizada.

* 15-M A Coruña
* 15-M A Mariña
* 15-M Monforte
* 15-M Ourense
* 15-M Pontevedra
* Ais O Peto
* Amarante Setem
* Artabra 21
* Asociación Cultural Fuco Buxan
* ATTAC XEG - Galicia
* Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia
* Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia
* Coop 57
* Democracia Real Xa
* Estado do Malestar
* Foro Galego de Inmigración
* Iniciativa BenComún
* Mesas de Converxencia
* Nova Escola Galega
* Plataforma de Afectados pola Hipoteca
* Rede de Dereitos Sociais
* Rede Feminista Galega
* Revolta Natural
* Seminario Galego de Educación para a Paz
* Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza
* Sindicato Labrego Galego
* Verdegaia
* Zocamiñoca Consumo Consciente
Publicado en eventos | 1 comentario

Sede do Encontro: onde está e como chegar

No seguinte mapa podes observar a localización exacta do lugar onde terá lugar o I ENCONTRO SOCIAL GALEGO: a Casa Común dos Tilos, no concello de Teo, ao ladiño de Santiago de Compostela. Para localizar o lugar con toda a precisión, utiliza o zoom (símbolos + e – na parte superior esquerda do mapa).

Se vas en coche ou moto, estas son as instrucións para chegar ao lugar:

1. Diríxete ao sur pola AP-53 (estrada de peaxe) 1,8 km
2. Toma a saída 2 230 m
3. Na glorieta, tomae a saída primeira dirección AC-537/Os Tilos 750 m
4. Na glorieta, toma a saída primeira cara á Rúa do Vidueiro 500 m
5. Continúa ata a Rúa do Carballo: o destino está á dereita 3 m
Publicado en eventos | Deixar un comentario

5-N: I ENCONTRO SOCIAL GALEGO (comunicado aos medios)

Colectivos e organizacións sociais celebran
un encontro para a reflexión conxunta
e a construción de redes de colaboración

DATA: sábado, 5 de novembro.

HORARIO: mañá (das 10:30 ás 14h) e tarde (das 16h ás 21h)

LUGAR: Casa Común dos Tilos (Rúa Carballo, nº 4, Os Tilos – Teo ) Ver mapa

Reflexionar de xeito conxunto e crear redes que permitan mellorar a incidencia son dous dos motivos centrais polos que diversos colectivos e organizacións sociais vanse reunir no I Encontro Social Galego.

Ata o momento son 16 as organización que xa teñen anunciado o apoio a esta iniciativa: 15-M A Coruña / 15-M Monforte / 15-M Ourense / 15-M Pontevedra / 15-M A Mariña / Amarante Setem / Coop 57 / Democracia Real Xa / Estado do Malestar / Foro Galego de Inmigración / Iniciativa BenComún / Mesas de Convergencia / Nova Escola Galega / Plataforma de Afectados pola Hipoteca / Seminario Galego de Educación para a Paz / Zocamiñoca Consumo Consciente.

Trátase dunha convocatoria plural e descentralizada onde teñen participado varios colectivos e que persigue xuntar nun mesmo foro os novos movementos sociais (ONGs, culturais, ecoloxistas, feministas, consumo, sindicais…) e os novísimos movementos xurdidos da indignación ( 15-M, DRX, Afectados polas hipotecas… ).

O I Encontro Social Galego desenvolverase cunha estrutura de debates sobre 5 eixos que darán lugar a diferentes grupos de traballo (de 11,00 a 14,00 horas) e posteriormente en plenario (de 16,00 a 19,00 horas).

Para máis info

Blog: https://facendoredes.wordpress.com

Facebook: http://on.fb.me/vDjCMV

Contacto: encontrosocialgalego@gmail.com

Publicado en eventos, medios | Deixar un comentario

Enquisa: en que grupo de traballo desexas participar?

Por favor, escolle só unha opción. Iso serviranos para organizar os traballos durante a xornada do sábado, pero obviamente se mudas de idea ou queres alternar entre máis dun grupo de traballo, non hai ningún problema.

Para votar na enquisa, sigue a ligazón e escolle un dos 5 grupos de traballo nos cales se dividirán os debateshttp://www.pieall.com/e/e1514355/

Publicado en eventos | Deixar un comentario

Mesa-redonda de clausura

Título da mesa-redonda: “Cidadanía, movementos sociais e participación: novos desafíos, novos discursos e novas fórmulas de intervención”. O inicio da mesa-redonda está previsto para as 19:30 e ao remate haberá un coloquio coa participación do público.

Ponentes:

  • Xosé Manuel Beiras (Foro Social Mundial)
  • Mariló Candedo (Nova Escola Galega)
  • David Rodríguez (Iniciativa BenComún)
  • outra persoa, pendente de confirmación.
Publicado en eventos | Deixar un comentario