Na primeira edición do Encontro Social Galego, celebrada o sábado en Teo, participaron unhas 50 persoas pertencentes ao amplo e plural abano de colectivos que -en número de vinte e sete- se sumaron á convocatoria.
Todos os debates foron realizados en plenario e desenvolvéronse nun clima de concordia, coincidencia e vontade de profundizar no proceso de construción dun espazo de diálogo e acción en común encetado na xornada de onte.
O encontro dedicouse a establecer un diagnóstico común e a comezar a deseñar propostas, mais sen aprobar conclusións, xa que se decidiu que ese paso debe darse á medida que o proceso do Encontro Social Galego se consolide. No final, celebrouse unha mesa-redonda coa participación de 3 ponentes (Xosé Manuel Beiras, Mariló Candedó e David Rodríguez) que realizaron unhas intervencións brillantes que levantaron o aplauso unánime do auditorio.
A seguir, trasládase o resumo dos principais aspectos abordados en cada un dos eixos temáticos que compuxeron a axenda.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ E REXENERACIÓN DEMOCRÁTICA
- Elaborar un programa común como necesidade para sustentar a unidade de acción.
- Consolidar novos modos de intervención social.
- Buscar o punto de unión entre a cidadanía, por un lado; e partidos e sindicatos, polo outro.
- Democratizar e transformar as organizacións existentes.
- Fortalecer a lóxica da cooperación, da construción de alternativas e da vertebración social.
- Frear a desdemocratización social, económica e institucional, co ollar posto no medio e longo prazo.
- Romper a lóxica do sistema mediante instrumentos e accións non institucionalizadas.
- Afianzar a nosa confianza nas propostas alternativas nas que intervimos.
- Esixir os nosos dereitos sociais, pero tamén asumir compromisos polo cambio.
- Promover a responsabilidade social a través do consumo consciente.
- Converter a indignación nunha forza de transformación social.
- Dar solucións desde a sociedade, incidindo na defensa do público, non necesariamente vinculado ao estatal.
- Crear redes de colaboración, con énfase no ámbito local.
- Reparar a brecha xeracional existente en moitos colectivos sociais.
- Superar a lóxica partidaria de organización e de competición.
- Planificar e executar accións concretas.
- Preparar un ideario para buscar o compromiso dos partidos de cara ao 20-N.
- Impulsar a democracia participativa e a transparencia nas relación dos poderes públicos coa cidadanía.
ECONOMÍA, FACENDA E CIDADANÍA
- Política fiscal progresiva, simplificada e descentralizada, ben como o combate decidido contra a fraude fiscal.
- Regulación dos mercados.
- Recuperación da banca pública e reforzo da economía solidaria: cooperativismo, banca ética, cooperativas de consumo…
- Pedagoxía fiscal: identificar a recadación de impostos coa finalidade social á cal se destinan.
- Consolidación dos bens públicos como bens comúns.
- Esixencia de que ao menos a maioría do capital sexa público nos bens comúns esenciais.
- Revisión das prioridades no gasto público, evitando despilfarros e privilexiando os servizos esenciais e os investimentos produtivos..
- Democratización da economía como condición para democratizar a esfera política.
- Aposta pola localización da produción e do consumo.
- Socialización dos debates sobre o reparto do traballo e a renda social básica.
- Solucións globalizadas en asuntos como o control efectivo á banca, á corrupción, aos paraísos fiscais…
- Reforzo do papel da educación na formación dunha cidadanía consciente e participativa.
- Combate á deslocalización dos dereitos económicos, laborais, sociais e políticos.
- Implantación das fórmulas de goberno aberto, tamén no referente á economía e ao gasto orzamentario das Administracións públicas.
- Abolición dos privilexios económicos e fiscais da Igrexa católica.
DEREITOS ECONÓMICOS E SOCIAIS
- Os recortes sanitarios provocan un aumento de problemas vinculados á saúde.
- O envellecemento e a dispersión xeográfica agravan os problemas ligados á saúde e crean un novo sector de excluídos: o da terceira idade, sobre todo a residente no rural.
- Alerta sobre a trampa matemática dos recortes en gastos sociais: redución masiva en termos absolutos mascarados baixo o mantemento do esforzo orzamentario en termos porcentuais.
- Defensa do público sen transmitir corporativismo.
- Rexeneración da esquerda desde a unidade de acción.
- Concepción dos servizos públicos como salario indirecto.
- Reversión da transferencia de renda desde as clases traballadoras cara ao sistema financiero de base especulativa.
- Non permitir nin alimentar o enfrontamento entre os traballadores.
- Identificación correcta do inimigo, cuxo miolo son as grandes corporacións.
- Elaboración dunha batería de argumentos para demostrar a viabilidade das nosas propostas e a falsidade de que non existan alternativas.
- Reforma da lexislación básica para blindar os dereitos sociais.
- Aumento inmediato da taxa de reposición (actualmente, de só un 10%) en sanidade e educación, evitando calquera redución na prestación deses servizos.
- Saúde, educación, recursos naturias e enerxía como a nova carnaza das corporacións que até agora se dedicaban á produción de bens de consumo.
- O goberno da dereita a nivel estatal como oportunidade de reactivación social.
- Ámbito internacional de actuación na regulamentación e universalización de dereitos laborais, do combate á fraude…
- Novo modelo de Estado do Benestar para un mundo globalizado e con dereitos universais.
- Debate sobre o 20-N e a importancia da participación mediante o voto.
COMUNICACIÓN E CULTURA
- Necesidade de reforzamento mutuo entre a sociedade civil crítica e os medios cunha axenda alternativa á das grandes corporacións mediáticas.
- Defensa da neutralidade da rede.
- Libre acceso á información e ao coñecemento.
- Promoción a nivel local a existencia de medios de expresión impresos dos diferentes colectivos, de xeito coordinado.
- Elaboración dunha estratexia de comunicación da sociedade civil, para influír sobre todo nos medios públicos.
- Regulamentación desde o poder público dos medios privados.
- Separación do poder mediático a respecto do económico.
- Necesidade por parte dos movementos sociais de producir comunicación, pero tamén diálogo: escoitar e coñecer outras realidades.
- Necesidade do traballo de calidade dos xornalistas, da defensa do pluralismo, da liberdade de expresión e do acceso a unha información veraz.
ACCIÓNS, PROXECTOS E MECANISMOS DE COORDINACIÓN
- Creación de espazos comúns entre as ONGs e o 15-M.
- As actividades e a metodoloxía de actuación deben tender a ser o máis concretas posible.
- Compatibilización da autonomía dos colectivos coa unidade de acción.
- Relato das experiencias de confluencia dos diferentes colectivos do 15-M en Vigo e na Coruña.
- Confección dun proxecto común articulador que lle dea sentido a un órgao conxunto de coordinación a ser creado futuramente.
- A coordinación debe comezar a nivel local para chegar ao nivel galego.
- Colaboración co Foro Social Galego na construción dun novo altermundismo.
- Compromiso de espallar a iniciativa do ESG.
- Convocar un II Encontro Social Galego, a ser celebrado o sábado, día 11 de febrero de 2012.
- A organización do novo encontro debe procurar que os debates previos á xornada presencial sexan o suficientemente enriquecedores como para chegar ao debate en grupo cunha maior madurez.



